Xornadas de Novela Negra.

Artigo de Miguel Losada, Secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA)

As xornadas de novela negra, «Personaxes de Novela», que organizamos xunto á Biblioteca do Concello de Verín, teñen por obxectivo dar unha visión real sobre as personaxes que nelas normalmente aparecen. Pareceunos máis orixinal sair do que normalmente este tipo de certames ofrecen, e deste xeito por terceira vez organizamos un evento destas características.

As Xornadas de Novela Negra 2020 da Biblioteca Pública Municipal de Verín serán as terceiras dedicadas ó universo deste xénero. Nesta ocasión, o lema das xornadas será «Personaxes de Novela» e pretendemos que sexa un percorrido polas tripas mesmas dunha realidade que transcende o literario e camiña na escuridade da psique humana. Detrás desta literatura podemos atopar as luces da creatividade chovendo sobre as teclas, mais tamén as sombras da que bebe tantas veces a narrativa humana.

Unha cantiga popular galega fala de que, ás veces, alguén “parecía un Demo en forma de xente”. Pode que sen pretendelo o grupo musical A Roda tivera interpretado un bo himno para estas terceiras xornadas.

(Letra en https://www.letras.com/a-roda/1855628/)

Cantiga https://youtu.be/SUsN3suavqc

A Novela Negra, tan vizosa sempre no panorama editorial, é un fetiche social que protexe e esconxura contra ese escuro atavismo como son as formas da violencia. Escribila é todo un rito, unha catarse sen volta atrás porque o imaxinado, neste caso, non resulta ser inventado. Mais ben recreado. Nesta ocasión, e como oficiantes taumaturxia da palabra escrita teremos na Biblioteca do Concello de Verín a curtidos relatores e referentes da intrahistoria dun xénero que, cando non é xornalismo, borboriña as palabras que tantas noites prenden nos nosos ollos dende as fonduras, e mesmo abismos, da natureza humana.