A participación no conxunto de conferencias achegouse ao milleiro de asistentes.

Artigo de Noelia Gallego Campos, Voluntaria da Biblioteca de Verín – Fotografías Carlos Montero, Dep. Prensa Concello Verín.

O venres pola mañá, máis de cen alumnos e alumnas de centros escolares de Verín (IES Taboada Chivite e Colexio Mª Inmaculada) asistiron á conferencia Mentiras da droga, impartida polo ex comisario de Vilagarcía Enrique León Calviño. Acompañárono na mesa o xuíz Vázquez Taín e Lorena Carnero, voluntaria da Biblioteca de Verín. Ela tamén foi a encargada de presentar ó invitado e de dedicarlle unha sentida homenaxe a Domingo Villar, recentemente falecido. A conferencia fixo un repaso dos mitos máis estendidos sobre a droga. Algunhas destas mentiras foron: «eu controlo», «déixoo cando queira» e, entre outras, «todos os demais consumen». A disertación, narrada dende as vivencias de Enrique León Calviño como antigo membro da comisaría de Vilagarcía, estivo marcada pola implicación e o interese por parte dos asistentes. Houbo unha rolda final de preguntas nas que o alumnado tivo unha participación activa.

Ese mesmo día celebrouse a apertura das Xornadas de Novela Negra ó público xeral cunha asistencia preto das duascentas persoas. A tarde do venres estivo reservada para os profesionais da detención do crime e as ciencias forenses. Lorena Carnero e Daniel Carnero, os dous voluntarios da Biblioteca, presentaron as xornadas e, de novo, renderon unha homenaxe a Domingo Villar, recordándoo como colaborador da Biblioteca. A sesión da tarde estivo coordinada polo xuíz Vázquez Taín.

A primeira intervención viu a cargo de Víctor Souto Fernández, Comandante da Garda Civil e Xefe da Sección de Homicidios, Secuestros e Extorsións da UCO. Baixo o título de Encaixando pezas, realizou unha charla na que repasou os procedementos principais do seu equipo de traballo: a importancia da minuciosidade e do traballo cooperativo e os protocolos de comunicación coa familia dunha vítima e cos medios de comunicación foron algúns dos temas que abordou.

Seguidamente, tomoulle o relevo Iria del Río Tajes, médica forense do IMELGA de Pontevedra, coa conferencia Violencia contra a muller. Vítima e vitimario. A forense, acompañada polo compañeiro de profesión Fernando Serrulla, disertou sobre as aplicacións das ciencias forenses ás vítimas vivas e, en concreto, ás mulleres. Amosou casos prácticos nos que o seu traballo serve para esclarecer a procedencia dunha ferida ou a autoría da mesma. Centrou estas explicacións nas mulleres que sofren maltrato doméstico.


O sábado 4 superáronse os 200 asistentes en cada unha das conferencias.

O día final das xornadas acolleu ós autores de novela negra. Abriu esta sesión Xoaquín Fernández Leiceaga, acompañado por Miguel Losada, cofundador da Sociedade Antropolóxica Galega, e o Xuíz Vázquez Taín. O escritor e político presentou Baixo as alas de abril e conversou cos seus acompañantes sobre os motivos que o levaron a escribir e a época histórica na que decidiu ambientar a súa novela.

A continuación, Alejandro Corral, acompañado pola voluntaria da Biblioteca Noelia Gallego, presentou La dama del Prado. A súa conferencia envolveu ós asistentes no mundo da arte e os seus misterios: dende a rivalidade entre Miguel Ángel e Leonardo da Vinci a un plátano pegado á parede con cinta adhesiva.

Finalmente, a intervención de Arantza Portabales cerrou o ciclo de autores de novela das xornadas. A escritora respondeu as preguntas de Inés García, voluntaria da Biblioteca, sobre o por que do título da súa conferencia —Como se destrúe unha novela negra— e a voz narrativa que emprega nas súas obras (que a escritora define como “muller tola falando”), entre tantas outras.
Trala intervención da autora, Rafael Cid, director do Centro Territorial de RTVE en Galicia, dirixiu unha mesa redonda na que participaron os tres escritores, Enrique León Calviño e Iria del Río Tajes. Este foi o evento final das Xornadas de Novela Negra, que se consolidan na súa cuarta edición.