«A orixe dunha novela. Así naceu Eva Cortes«
Conferencia do Venres 27 ás 12h. para o alumnado dos centros de ensino de Verín
Como se comeza a escribir unha novela? Dende as primeiras ideas soltas ata a edición e publicación, a escrita dunha novela require de moito tempo e dedicación. Ademais, deixa no recordo algunha anécdota á hora de escoller o título ou os nomes dos personaxes, moitas dúbidas, pasos adiante e atrás… Así ocorreu con ‘Oito días sen Eva Cortes’, unha historia que xorde do día a día dunha xornalista algo frustrada e que serve para criticar os malos hábitos dos medios de comunicación ou a precariedade laboral. Ademais, afonda nas consecuencias que teñen para as mulleres os casos de violencia machista, agresións sexuais ou desaparicións. O medo é un elemento fundamental na novela, un medo aprendido a base de noticias de asasinatos e desaparicións e que modifica a nosa forma de comportarnos. O profundo sentimento de inxustiza ante unha realidade que aboca ao medo á metade da poboación é a orixe de ‘Oito días sen Eva Cortes’.
Pero a novela ten máis ingredientes, como a presenza da cidade de Pontevella (ou Pontevedra), que é case un personaxe máis porque é fundamental para o caso, ou a reflexión arredor das relacións de parella ou as aspiracións profesionais.
((Falaremos do proceso de escrita, corrección e edición nunha conversa na que me gustaría que tamén participe o alumnado con preguntas e outras achegas. A idea é abrir un debate sobre temas de actualidade relacionados coa novela como a violencia contra as mulleres, os prexuízos machistas, a precariedade laboral, o día a día nos medios de comunicación… Cantos casos de violencia contra as mulleres recordamos de ver nos medios de comunicación? Como nos afectaron? Como cambiaron a nosa forma de comportarnos? Afectan de forma diferente ás mozas que aos mozos? Como tratan os medios de comunicación estes casos? Que prexuízos temos arredor da sexualidade das mulleres?))
Antía Ubeira: contar unha desaparición dende a perspectiva da mensaxeira
Conferencia para as V Xornadas de Novela Negra da Biblioteca de Verín
Matar a mensaxeira adoita ser a resposta máis doada cando a noticia non gusta. O dito convértese nunha realidade moi a miúdo. Na novela ‘Oito días sen Eva Cortes’, asistimos á desaparición dunha moza dende os ollos da xornalista que cubre a información. Deste xeito, as noticias que se publican arredor deste tipo de casos enténdense mellor ao coñecer o contexto de precariedade laboral no sector do xornalismo, a obsesión por chegar primeiros, a ditadura do ‘clic’ e a dinámica das redes sociais.
A novela explora os medos que nos van configurando ás mulleres a golpe de noticias que evidencian a violencia á que somos sometidas. Máis alá da perspectiva policial ou xornalística, a novela trata de explorar as implicacións persoais que supón a desaparición dunha moza nunha pequena cidade para a xornalista que segue o caso e, por extensión, para as súas amigas, veciñas… Para todas as mulleres.
((Falarei do personaxe principal da novela dende cuxos ollos se conta boa parte da trama: Antía Ubeira. A diferenza de moitos thrillers, que adoptan o punto de vista policial, Antía é xornalista e iso dáme a oportunidade de falar dun mundo que coñezo ben. Falaremos da novela, pero tamén de cuestións de actualidade como o tratamento deste tipo de casos na prensa, da evolución que tivo a novela dende que comecei a escribila))
Sara Vila Alonso (As Neves, 1989).
Estudei no IES Pazo da Mercé das Neves antes de licenciarme en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela. Durante a miña formación, interesoume o xornalismo de tipo social, de xeito que realicei cursos de especialización neste ámbito, como o Seminario en Xornalismo Social e Cooperación Internacional organizado por Agareso (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios) ou un curso de Comunicación dos Movementos e os Conflitos Sociais na Universitat Autònoma de Barcelona (UAB).
Realicei as miñas prácticas como xornalista en medios como La Voz de Galicia, Faro de Vigo ou El País Galicia e comecei a traballar no Diario de Pontevedra en 2012, onde permanecín ata 2022. Nese tempo, pasei polas seccións de suplemento e local.
En marzo de 2022 incorporeime a Edicións Xerais de Galicia como responsable de Comunicación.
En 2016 acadei o primeiro premio do XVI Certame de Relatos Curtos Os Viadutos de Redondela cunha peza titulada ‘Adeus, María’. No ámbito do xornalismo, acadei o segundo Premio Comunicar en Igualdade 2019 da Xunta de Galicia polo artigo ‘O noso toque de queda’.
‘Oito días sen Eva Cortes’ é a miña primeira novela. Acadou o Premio Illa Nova de Narrativa en 2021.