“Un sorbo envelenado”
Sinopse conferencia: Novembro de 2009. Nun pequeno pobo do interior de Ourense, situado na Serra de San Mamede, un veciño, planifica de forma minuciosa e cruel, a morte dun conveciño, do que outrora fose amigo e agora enconado e mortal inimigo. Para iso decide empregar un potente veleno (“estricnina”) que a propia vítima, de natureza confiada, inxerirá ao caer no engano tecido por aquel. No presente relatorio, un dos investigadores, realiza unha aproximación ás reviravoltas da complexa investigación policial, que culminou no ano 2010 coa detención do autor e a súa posterior condena, no ano 2013, por un delito de asasinato polo Tribunal do Xurado constituído na Audiencia Provincial de Ourense.
José Luis Ferreiro Novoa (Luxemburgo, 1968), é Sarxento 1º da Garda Civil e na súa extensa traxectoria profesional de máis de trinta e catro anos, desenvolveu o seu labor en Seguridade Cidadá, na especialidade de Intervención de Armas e Explosivos, e, actualmente, na Unidade Orgánica de Policía Xudicial de Ourense. Dentro desta última Unidade, realizou diversos labores, entre eles foi responsable do Equipo de Delitos contra as Persoas (2008-2016) e agora éo da Unidade adscrita á Audiencia Provincial.
Diplomado en Policía Xudicial desde o ano 2003, está especializado na investigación de homicidios, detencións ilegais e desaparecidos, trata de seres humanos e delincuencia relacionada co ámbito muller-menor. Como complemento á súa formación profesional, a nivel académico, cursou o Máster en Estudos Criminológicos Aplicados á Investigación e é licenciado en Dereito e en Ciencias Políticas, así como graduado en CC Xurídicas das Administracións Públicas e en Criminología.
Mentres foi responsable do Equipo de Delitos contra as Persoas participou na investigación dalgúns dos crimes de maior transcendencia ocorridos na provincia de Ourense. Desde fai seis anos, compatibiliza a súa actividade profesional coa docente, como profesor titor, con venia docendi, no Centro Asociado da UNED de Ourense no Grao de Criminología.